jueves, 15 de enero de 2015

Cada tempo a súa galleta

Este curso cultivamos a afección ás galletas caseiras. No outono, fixémolas de noces; por Halloween, na EOI de Sarria, o alumnado esmerouse con diversos doces que degustamos na "party" que organizou o profesorado de inglés. Foi simpático ver as profesoras disfrazadas de bruxas (Non lles faltaba detalle!).
O salón de actos estaba decorado para a ocasión. Pasamos un bo rato cos xogos e papando doces; bebemos cervexa adicada á Merkel, sidra chantadina ou refrescos. Mirade que pinta teñen!








lunes, 25 de agosto de 2014

Dúas adiviñas

Un matrimonio maior de Farbán que coñecín neste mes, aínda que eles coñecen a maior parte da miña familia, contoume estas dúas adiviñas. Para intrigarvos un pouco, non vou dar de momento as solucións.

1. Que cousiña cousa é que canto máis alta está máis pronto se lle chega?

2. Que cousiña cousa será que métese o duro no mol e cólgalle o piringol?

martes, 3 de junio de 2014

Cousas do Courel

A nosa compañeira Conchi, a nova secretaria, agasallounos cun interesante material sobre o tempo, grazas á súa sogra, Erundina López Rivera (Castroportela de Courel) quen, con 93 anos, mantén as lembranzas e a memoria do pasado. O noso agradecemento ás dúas pola súa colaboración para podermos transmitilo.

Entre o léxico sobre os fenómenos atmosféricos chamáronnos especialmente a atención as troneiras (nubes que presaxian o trono, palabra que tamén recolleu Christian en Vilardomato), inverneira (para o que outros chamamos invernía, o tempo típico do inverno con friaxe e choiva) ou traspoñerse o sol (para poñerse o sol). En Sarria recollín tamén unha fermosa expresión para o mesmo feito: meterse o sol no buraco.

Tamén son moi interesantes os ditos e refráns de Erundina sobre o tempo:

a) "Se vai a nube por Rendar,
colle o mallo e vai mallar."

 "Se vén nubrado por Quiroga,
vulve pola capa nova."

 "Se vai o nubrado polo Cebreiro,
colle a capa e o sombreiro".

b) "Por Santos, neve nos campos".

c) "Por San Vicente, hora crecente".

d) "Polo San Brais, dúas horas máis".

e) "Corre maio polo pan,
que te pilla San Xoán;
detrás vén Santa Mariña
para segar a gaveliña."

f) "En abril está a loba no cubil.
En maio son coma un gaio.
En San Xoán, bótanlle a carreira ó can.
En Santa Mariña,matan a cabritiña.
En agosto, sáltanlle ó boi no rostro".

 (o texto refírese ao proceso que segue o lobo segundo vai medrando)

miércoles, 19 de marzo de 2014

Vocabulario relacionado coa natureza.

Esta actividade está dirixida a alumnos de 1º de ESO.
Contidos a tratar:
- Coñecer o vocabulario específico do Courel contido na poesía de Uxío Novoneyra.
- Lectura e comprensión de textos poéticos.
- Extraer a información relevante dunha páxina web.


                                               Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Elvire)

 ACTIVIDADE 1: Busca información sobre Uxío Novoneyra e fai un esquema ou un resumo da información máis relevante.
- Recursos para levala a cabo: podes consultar a súa páxina en Wikipedia ou na UDC.

 ACTIVIDADE 2: Escoita e le algúns poemas de Uxío Novoneyra (Chove pausiño pras sombras, No bicarelo do bico do brelo e Vai polo monte o camiño) a través dos enlaces. Anota no teu caderno o léxico relacionado coa natureza.

 ACTIVIDADE 3: Realiza a seguinte actividade interactiva.



zonaClic - actividades - A fala de Uxio Novoneyra

 Se tes calquera dúbida, podes consultala coa profesora.

martes, 18 de marzo de 2014

Frases feitas e refráns sobre o tempo.

XANEIRO:

- Xaneiro que non enche o regueiro, non é colleiteiro.
- Xaneiro xeadeiro.
- Xaneiro xeadeiro, febreiro porraqueiro, marzo espanadeiro, abril augas mil.
- En xaneiro planta o teu alleiro.
- Xaneiro porraqueiro, nin boa meda nin palleiro.
- Xaneiro heloso, febreiro febroso, marzo airoso, abril chuviñoso, maio pardo, San Xoán claro, Santa Marina clariño, agosto arder, setembro beber.
- En xaneiro, sete lobos  no carreiro.
- O lobo en xaneiro, sete e sete no carreiro; en abril, cátame no cubil; en maio, xa son bon gaio; en Santa Mariña, cátame pola cabritiña.
- San Amaro verdadeiro é o 15 de xaneiro.
- O 1 de xaneiro, o salto dun carneiro.
- No xaneiro, sete e sete no carreiro.
- Se no xaneiro canta a ra, no maio xa calará.
- San Antonio verdadeiro o 17 de xaneiro e a súa festa lle fan o 13 de San Xoán.
- Se queres ter bo alleiro, bótao no mes de xaneiro.
- En xaneiro, as verzas saben a carneiro, en maio  darllas ao criado, e en outono, volven ao mesmo dono.

FEBREIRO:

- A xeada de febreiro, mata a vaca e mailo leiro.
- Febreiro, frebas dá; se non a deu xa as dará, ou no principio ou no final.
- En febreiro, cada chouta seu regueiro.
- Febreiriño corto, cos seus vinteoito; se tivese máis catro, non quedaría can nin gato, nin rato no burato, nin cornas ao carneiro, nin orellas ao pigureiro.
- Vaite febreiro, cos teus días vinteoito, que se duraras máis catro, non quedaba can nin gato.
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duraras máis catro, non quedaba can nin gato, nin hastas ao carneiro, nin orellas ao pigureiro.
- En febreiro, entra o sol en calquera regueiro.
- No febreiro, se ves verdegar, súbete ao alto, e ponte a chorar e, se ves negrear, ponte a cantar.

MARZO:

- Cando o marzo maiea, maio marcea.
- Marzo ventoso, abril chuviñoso.
- Se en marzo oes tronar, prepara as cubas e máis o lagar.
- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan a maio florido e fermoso.
- Se o cuco non vén entre marzo e abril, o cuco morreu ou non quere vir.
- Marzo marcial, cara de lobo, cara de can.
- Marzo espigarzo.
- Marzo marzán, pola maña cara de rosa, pola tarde cara de can.
- O sol de marzo mata a dama no palacio, o sol de abril mata ao porco no cubil, e o de maio mátao no pasto.


ABRIL:

- Abril, augas mil.
- Augas de abril, caben todas nun barril.
- En abril, espigas mil.
- O sol de abril mata a porca no cubil.
- O abril frío e mollado enche o cileiro e farta o gado.
- En abril, augas mil, e que non salian do seu carril.

MAIO:

- Maio paio, San Xoán claro, valen máis cós bois e o carro.
- Detrás de maio vén San Xoán e despois Santa Mariña.
- Maio sen ballós é como home sen collós.
- Auga en maio, pan todo o ano.
- En maio, aínda a vella queima o tallo.
- Maio pardo, San Xoán claro, valen máis que  mula e o carro.
- No maio, a vella queima o saio.
- Ata o corenta de maio, non quites o saio.
- Días de maio, días de amargura; inda non amanece, xa é noite escura.

XUÑO (SAN XOÁN):

- Mes de San Xoán, mes de fogueiras, sardiñas e pan.
- San Xoán claro, vale máis cás mulas e o carro.
- En San Xoán, anda o cabalo ruán no pan.
- A auga de San Xoán, leva o viño e non dá pan.
- No San Xoán, a sardiña molla o pan.

XULLO:

- Cando Santiago é normal, pouca auga na fonte e menos no manantial.
- Cando o Santiago non mexa, Santa Ana levanta a saia. (se non chove o día de Santiago, chove ao día seguinte).

AGOSTO:

- No mes de agosto, tosto.
- A chuvia no mes de agosto non é auga, é mel e mosto.
- Agosto, frío no rostro.
- A lama de agosto bota ao home a pedir.
- A lama de agosto e o vento de abril, Deus nos libre dil.

SETEMBRO:

- As castañas, en agosto arder e en setembro beber.
- Setembro froiteiro, ledo e festeiro.
- San Miguel das uvas maduras, moito me tardas, pouco me duras.

NOVEMBRO:


- Polo San Martiño, saca ao porco do camiño.
- En Santos, neve nos campos.
- Dos Santos ao Nadal, bo é chover e mesmo nevar.
- Polo San Martiño, mátase ao porquiño.
- Por Santos, neve nos altos.
- Polo día de Santos, neve nos campos.
- No mes de Santos, neve nos campos.

DECEMBRO:

- En decembro, fume na lareira e auga na lameira.
- O mes de Navidad, non plantes horto nin vaias ao horto nin capes porco.





Actividades sobre literatura.