Mostrando entradas con la etiqueta léxico. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta léxico. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de junio de 2014

Cousas do Courel

A nosa compañeira Conchi, a nova secretaria, agasallounos cun interesante material sobre o tempo, grazas á súa sogra, Erundina López Rivera (Castroportela de Courel) quen, con 93 anos, mantén as lembranzas e a memoria do pasado. O noso agradecemento ás dúas pola súa colaboración para podermos transmitilo.

Entre o léxico sobre os fenómenos atmosféricos chamáronnos especialmente a atención as troneiras (nubes que presaxian o trono, palabra que tamén recolleu Christian en Vilardomato), inverneira (para o que outros chamamos invernía, o tempo típico do inverno con friaxe e choiva) ou traspoñerse o sol (para poñerse o sol). En Sarria recollín tamén unha fermosa expresión para o mesmo feito: meterse o sol no buraco.

Tamén son moi interesantes os ditos e refráns de Erundina sobre o tempo:

a) "Se vai a nube por Rendar,
colle o mallo e vai mallar."

 "Se vén nubrado por Quiroga,
vulve pola capa nova."

 "Se vai o nubrado polo Cebreiro,
colle a capa e o sombreiro".

b) "Por Santos, neve nos campos".

c) "Por San Vicente, hora crecente".

d) "Polo San Brais, dúas horas máis".

e) "Corre maio polo pan,
que te pilla San Xoán;
detrás vén Santa Mariña
para segar a gaveliña."

f) "En abril está a loba no cubil.
En maio son coma un gaio.
En San Xoán, bótanlle a carreira ó can.
En Santa Mariña,matan a cabritiña.
En agosto, sáltanlle ó boi no rostro".

 (o texto refírese ao proceso que segue o lobo segundo vai medrando)

miércoles, 19 de marzo de 2014

Vocabulario relacionado coa natureza.

Esta actividade está dirixida a alumnos de 1º de ESO.
Contidos a tratar:
- Coñecer o vocabulario específico do Courel contido na poesía de Uxío Novoneyra.
- Lectura e comprensión de textos poéticos.
- Extraer a información relevante dunha páxina web.


                                               Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Elvire)

 ACTIVIDADE 1: Busca información sobre Uxío Novoneyra e fai un esquema ou un resumo da información máis relevante.
- Recursos para levala a cabo: podes consultar a súa páxina en Wikipedia ou na UDC.

 ACTIVIDADE 2: Escoita e le algúns poemas de Uxío Novoneyra (Chove pausiño pras sombras, No bicarelo do bico do brelo e Vai polo monte o camiño) a través dos enlaces. Anota no teu caderno o léxico relacionado coa natureza.

 ACTIVIDADE 3: Realiza a seguinte actividade interactiva.



zonaClic - actividades - A fala de Uxio Novoneyra

 Se tes calquera dúbida, podes consultala coa profesora.

sábado, 15 de marzo de 2014

Curiosidades sobre o léxico galego e portugués.

Aínda que o galego e o portugués presentan moita similitude no léxico, é curioso que non sempre ocorre isto, o cal pode orixinar malentendidos ou confusións que dificultarían a comunicación entre os falantes dunha e doutra lingua. Podedes ampliar a información vendo o seguinte vídeo:



A neve.

Nevar, cubrir a neve os campos: trousar, atrousar, cuallar.
Nevar en pouca cantidade: nevariscar.
Partículas de neve que caen: falopas, folepas, fulepas, folerpas, farguelos, copos, farrapos, farrapadas, neviscas.

                            Imaxe extraída de Wikipedia: CC - BY (Wuhazet)

                                         Imaxe extraída de Flickr: CC - NC - SA (canute.dechou.IV)

A choiva.

Humidade da noite, da mañá sobre a vexetación: orballo, orballada, rosada.
Auga conxelada na terra, nas plantas: xeada, xiada, manta.
Auga conxelada nunha poza: lazo, xeo, calistro.
Auga conxelada que colga dos tellados: carámbanos, caramelo, carambelos, candiós, carambos.
Néboa + chuvia miúda: orballo, zarzallo, babuña, lapiñeira, merusca (recolleuno Adriana en Monforte), polvoriña, babuxa, chovisqueira.
Chuvia miúda: chuviñeira, barruza, mexa de rato (tamén de Adriana), orballeira, orballo, barbaña, barbañada, nieblaceira (Antía Rguez.,Bustelo de Lor).
Chover en pouca cantidade: chuviñar, chuviscar, orballar, zarzallar, meruscar (de Adriana), barbañar, babuxar, meliar, chispear (Antía Fdez., Montefurado).
Chuvia forte e repentina, de pouca duración:  rebascada (meu,Sarria), treboada, trebón, tromba, ballón, chaparrón, augaceiro.
Chuvia + vento: cifra, xarabea, ventisca (Christian, Vilardomato), ventalón de auga, xebrisca (Aroa, Froxán), xistra.
Chuvia + vento + frío: xistra, curisco.
Chuvia + vento + neve: xistra, nevarasca, xarabeada, neviscada.
Chuvia forte e persistente: tempestade, treboada, zarracina, diluvio, ballón.
Tempo en que deixa de chover nun día de chuvia: estrelampo, rafada, escampada, aberto, raiola, escampa.
Parar de chover: amainar, limpar o ceo, escampar, estiñar, aclarear.
Chuvia que cae no verán despois dun tempo de seca: témpora, chuviscada.
Inundación: asolagamento, chea, enchenta, asulagamento, inchotada, alagamento.

Este foi algún do léxico recollido en diferentes zonas da provincia de Lugo a través de cuestionarios repartidos polo IES de Quiroga. Se queres ver máis vocabulario sobre a chuvia, visita esta páxina.


jueves, 13 de marzo de 2014

Contribuíndo ao léxico galego do tempo I

Durante o presente curso 2013-2014 promovín no centro onde traballo unha recollida de léxico sobre o tempo meteorolóxico entre a comunidade escolar, con participación do profesorado, alumnado de 1º de Bacharelato e 4º de ESO, persoal non docente. É sabido que o léxico galego sobre este tema é moi amplo. Con todo, aínda queda vocabulario sen recoller e sen estudar.
A recollida de léxico é algo que me interesa dende hai anos; arredor dos 90, cando realicei a miña tese de licenciatura sobre dialectoloxía, empecei a investigar sobre a fala de tres parroquias de Sarria.
Para a xente que traballa no campo e tamén para os que nos criamos nel, moitas veces resulta rechamante oírmos dicir a simplificación de que o bo tempo é que faga sol e mal tempo que chova ou haxa outros fenómenos atmosféricos; cremos que cada fenómeno ten o seu momento. O bo é que a natureza siga os ritmos normais, non que non chova en tres meses. Ademais o tempo non vai rexerse polos nosos ditados; a terra ten as súas regras e somos nós quen temos que adaptarnos (isto de querer gobernar o tempo é algo moi típico dos turistas que cren que o mundo ha de xirar arredor deles).
Mais ultimamente anda o tempo revolto. Parece que xa non é predicible coma antes. Os fenómenos adversos foron moi frecuentes este inverno. Non houbo temperaturas excesivamente baixas; xeou pouco (por ex. non houbo calistros nas pozas dos camiños nin carámbanos colgando dos tellados; nevariscou algunhas veces, mais a neve non chegou a cuallar a non ser nos picos dos montes; caía auga nevada ou pequenas felepas; algún día apedreou por momentos; a pedra ou sarabia cubriu o chan). O que si comezaba a cansar era o temporal no mar, con vento, maruxía... que impediu saír os barcos a faenar durante varios meses. Aquí, no interior, a auga alagaba as leiras, os manantiais deitaban auga por todas partes; ían cheos os rigueiros e ríos e mesmo saían da súa cama.
Houbo días en que chovía a chuzos (a caldeiros). Outras veces caían catro gotas, orballaba, chuviñaba. Por veces era inútil taparse co paraugas, porque a xistra (cifra=vento+chuvia) metíache a auga por todas partes. Nalgún caso, o curisco (chuvia+vento+frío) paralizábate, deixábache a cara xeada.
Mesmo houbo algunha tronada. En Sarria chamámoslles toeiros ás nubes do trono, e formarse o trono chamámoslle armarse o trono. Os lostrigos sulcaban o ceo e caeu algún ballón.
 Houbo días en que choveu case continuamente; a auga cubría as rúas e ao caer facía burbullas no chan. Disque iso é sinal de invernía.
Os que traballan fóra miran o ceo e aproveitan as estiñadas, as escampadas, os estrelampos ou as rafadas de sol para facer algo e non perder o día de traballo.
Agora xa levamos uns días con tempo firme (=estable) e temperaturas agradables polo día, pero aínda queda frío e chuvia por vir. O típico deste mes son as marciadas ou marceadas (no mesmo día pode haber momentos de temperaturas agradables e logo frío e chuvia) características da primavera.
Algúns refráns advírtennos sobre os riscos dun marzo moi suave:
Se marzo maiea, maio marcea
Tamén nos alertan sobre a roupa que nos convén poñer: 
Ata o corenta de maio non quites o saio ou En maio aínda a vella quenta o tallo (un tallo é un asento baixo feito dun toro dunha árbore ou dunha pequena táboa con pés para sentar a carón da lareira).