martes, 3 de junio de 2014

Cousas do Courel

A nosa compañeira Conchi, a nova secretaria, agasallounos cun interesante material sobre o tempo, grazas á súa sogra, Erundina López Rivera (Castroportela de Courel) quen, con 93 anos, mantén as lembranzas e a memoria do pasado. O noso agradecemento ás dúas pola súa colaboración para podermos transmitilo.

Entre o léxico sobre os fenómenos atmosféricos chamáronnos especialmente a atención as troneiras (nubes que presaxian o trono, palabra que tamén recolleu Christian en Vilardomato), inverneira (para o que outros chamamos invernía, o tempo típico do inverno con friaxe e choiva) ou traspoñerse o sol (para poñerse o sol). En Sarria recollín tamén unha fermosa expresión para o mesmo feito: meterse o sol no buraco.

Tamén son moi interesantes os ditos e refráns de Erundina sobre o tempo:

a) "Se vai a nube por Rendar,
colle o mallo e vai mallar."

 "Se vén nubrado por Quiroga,
vulve pola capa nova."

 "Se vai o nubrado polo Cebreiro,
colle a capa e o sombreiro".

b) "Por Santos, neve nos campos".

c) "Por San Vicente, hora crecente".

d) "Polo San Brais, dúas horas máis".

e) "Corre maio polo pan,
que te pilla San Xoán;
detrás vén Santa Mariña
para segar a gaveliña."

f) "En abril está a loba no cubil.
En maio son coma un gaio.
En San Xoán, bótanlle a carreira ó can.
En Santa Mariña,matan a cabritiña.
En agosto, sáltanlle ó boi no rostro".

 (o texto refírese ao proceso que segue o lobo segundo vai medrando)

No hay comentarios:

Publicar un comentario